Entrada sobre morte de linguas 24/02/2020

O 15 de abril do 2019 ardeu a catedral de Notre Dame. No momento en que se conseguiu apagar empezou o debate de se as institucións públicas debían financiar unha restauración. Oíronse moitos comentarios do tipo "¡eso no puede ser, que hay mucho paro y pensiones que pagar!"

Este é o eterno debate do patrimonio cultural humano, se paga a pena gastar diñeiro en conservalo en detrimento de necesidades básicas das sociedades humanas ou de cousas produtivas. Na opinión pública xeralmente non hai problema en que un goberno gaste diñeiro en financiar unha empresa privada que vai levar para si os benefizos por esmorrallar montañas e vender esa pedra a outros países e deixar todo o entullo nas aldeas e ríos da zona porque xera postos de traballo. Pero se se gastan nun parque natural (que non deixa de ser un "lavado de imaxe" ou de deixar aí algo natural para calamar a conciencia) pode xerarse un debate parecido ao da catedral de París. 

A nosa profesora convidounos a facer unha publicación sobre a morte de linguas do mundo. Un desastre que está a suceder pero que non ten tanta difusión como tivo o incendio da catedral de Notre Dame. Ese incendio, de feito é equiparable a algo que lles está a pasar a eles mesmos coa morte case inminenete do bretón (a única lingua celta que queda fóra das illas británicas) ou o occitano (un dos idiomas históricos da literatura medieval). No caso da catedral o incendio foi accidental, no das linguas fixérono eles.

Véndese que o mundo é cambiante de forma natural (especies desapareceron, outras apareceron, aparecen illas volcánicas, outras desaparecen, hai pandemias (ben seguro que as hai), unha riada destrúe un bosque, hai un terremoto...), pero é que hoxendía a meirande parte dos acontecementos catastróficos que suceden non son de forma natural. O cambio climático non o é, a pandemia dise que tampouco, especies que están desaparecendo... en fin, parece máis ben unha excusa para estar tranquiliños porque é así porque ten que ser.

Pois no caso dos idiomas pasa igual ou polo menos parecido. Como di a nosa profesora no seu libro "Lingüística eco" é evidente que si que hai linguas que desaparecen de forma natural ou abrupta, outras transfórmanse etc. Un exemplo podería ser o posible feito de haber unha comunidade homexénea nunha aldea illada que sempre falou un idioma X nada emparentado con outros porque nunca se envolveron con outras comunidades e de pronto un terremoto destrúe toda a zona, mata a case todo o mundo, os poucos que non morren marchan a aldeas do redor a reasentarse e alí xa adoptan a lingua nova. Pois si, esta lingua morreu de forma natural. Como tamén o caso anecdótico dunha lingua dunha zona illada que desapareceu porque o investigador que a quixo analizar levou un catarro aos habitantes e morreron. Pero entón xeneralizar que a morte de linguas é un proceso natural sería algo así como dicir que está a haber pandemias todos os anos ou que está a haber terremotos e riadas destruíndo aldeas a cada paso. E eu non vexo moito as noticias, pero se estivese habendo terremotos, riadas ou pandemias en Euskadi cada dous por tres, que o temos aí ao lado, supoño que me acabaría por decatar.

A morte de linguas por tanto non é algo nin accidental nin natural no que é o fenómeno en sí. É un proceso que como todos sabemos responde ao tema da utilidade e do rendemento económico. Se cada vez se fala menos vasco non é porque haxa un volcán matando vascos abrasados por toda Euskal Herria todos os días, senón porque está inculcado que se aprenden castelán ou francés "terán máis oportunidades de traballo". Supoño por tanto que os que falan vasco non poden aprender a apretarlle un parafuso a unha roda para traballar nun taller, nin a cortar e coser a unha persoa para operala. Obviamente non é así. Como tampouco é certa a falacia de que un idioma é máis útil por ser falado por máis xente xustificado en que así terás máis fácil acertar con outra persoa que fale coma ti, porque creo que para falar dez minutos con cada falante de vasco ou de castelán en ningún caso lle ía chegar a vida. Ademais, se de verdeade fosen mellores por máis falados, debería haber máis escolas de hindi que de alemán. Non é por "canto" se falen, senón por "onde". Logo hai outro argumento, que é o da emigración. Cada vez hai menos falantes de galego porque no seu momento emigraban a Arxentina e agora a Madrid e a descendencia queda alí. Neste caso é lóxico, se vas a un sitio no que se fala outro idioma, deberás ser ti o que aprenda o seu e non eles o teu. Pero entón por que o vasco e o catalán tamén están a perder falantes coa cantidade de inmigración que receben? De novo simplemente é unha cuestión de linguas mellor colocadas que outras, sen máis. 

Isto é o que está a pasar no mundo en xeral. A colonización espallou polo resto de continentes un grupo de linguas de Europa e os habitantes destas zonas perderon as propias por imposición ou por facer uso dalgún deses tópicos anteriormente mentados. Está a haber un gran incendio da catedral de Notre Dame e ninguén se está a preocupar de apagalo nin moito menos se preocupará de reconstruír o que este destroce. 

Da mesma forma que o incendio da catedral acabou con formas, construcións, expresións artísticas etc (non son moi entendido en arte) este incendio vai levar consigo diferentes formas de estruturar un idioma, e polo tanto ideas e formas de ver o mundo. Por pór un exemplo uso un que expuña a profesora no seu libro dun idioma que non nomeaba a elementos da natureza como montañas ou río con substantivos, senón que había que usar un verbo que fixese alusión á relación que se establece con eses elementos segundo o que fagas neles ou como estean. Por tanto é unha forma de ver o mundo distinta, quen sabe se nese modo de ver o mundo cabería a posibilidade de esmorrallar as montañas e encher o río co entullo resultante porque "dá postos de traballo". Pero é que tampouco fai falta ir a zonas que nós desde a nosa perspectiva "eurocentrista occidental capitalista" consideramos "tribus atrasadas" para ver idiomas con construcións chocantes para a tradición gramatical indoeuropea. Temos aquí mesmo o vasco que fai construcións nas que o verbo concorda co suxeito (ou o que nós consideramos como tal), co complemento directo e co indirecto. De que forma pensarán eles que participan eses elementos nas accións ao contrario de nós que só consideramos protagonista ao suxeito e é o único que condiciona o verbo? E mesmo liguas que serían indoeuropeas teñen estruturas que nos chocarían, como a meirande parte das linguas celtas que non din "si" ou "non", senón que conxugan o verbo dunha forma ou outra segundo estean negando, afirmando ou preguntando. Estas linguas están a punto de desaparecer e por tanto ese tipo de construción. Os lingüistas están a perder obxecto de estudo e case parece que o único posible para evitalo é crear "parques naturais" de idiomas (gramáticas, estandarizacións e manuais de uso a todo correr antes de que non se falen) desdes idiomas para ter aí un testemuño deles e no ter tanto cargo de conciencia.

E se todo isto é tan grave e tanta pena dá, por que deixamos que pase? Pois por descoñecemento por unha banda e ideas preconcebidas por outra. 

As ideas preconcebidas da utilidade (quero facer unha entrada sobre unha metáfora da utilidade proximamente) fan que a xente prefira gastar o tempo e o diñeiro en aprenderen linguas "útiles". Pero é que tampouco é necesario que un habitante do centro de Londres aprenda yoruba para que este non se perda, ese home ten que falar inglés que é o idioma da zona da que vive. Basta con que non se lle impoña a un habitante da zona do yoruba que o seu idioma é o mellor, o máis útil o co que se vai achegar mellor á súa cosmovisión, o seu modo de vida ou o seu sistema económico. Como xa dentro de mesmas culturas e sen condicionantes de imposición de modo de vida un de Madrid tampouco lle debe exixir a un de Ondarroa que fale castelán porque vive en España (a trampa de vencellar un idioma a un estado pode dar para outra entrada) 

De todas formas non considero isto o máis determinante. O que máis inflúe é o descoñecemento. Se alguén non coñece algo non o pode amar e polo tanto non o vai a querer protexer. Por facer un símil co despoboamento rural que tan de moda está agora. Cada vez máis xente nas cidades fillos ou netos de emigrados de aldeas ao non coñecer que é exactamente poderán dicir por moda que os preocupa, pero non van facer nada, xa están cómodos así. Outros directamente pasarán do tema ou dirán o de que "un proceso natural" e ata o celebrarán porque a cidade é "progreso". Pois un fillo de falantes de luiseño que xa só fala inglés ao mellor trata de comprometerse ou pasa do tema ou igual ata o celebra porque agora ten un idioma de oportunidades e co que está cómodo. A xente xeralmente non coñece o patrimonio lingüístico e por tanto non sofre coa súa perda como eu tampouco sufro con perdas de outras cousas que seguro que estamos a perder noutros ámbitos e que eu descoñezo ou como un urbanita de toda a vida non sofre coma min o despoboamento rural, a fin de contas el, vaia onde vaia, sempre vai ter o seu lugar de orixe habitado e con oportunidades de quedarse e volver e nós non. Como vai sufrir un falante de castelán coa perda de máis de mil idiomas se non sabe que existen, non é consciente de que a súa cosmovisión é completamente distinta e ademais o seu é máis que seguro que non se perde?

Comentarios

Entradas populares de este blog

Exercizo do suahili

Anna Wierzbicka

Compartir cos meus compañeiros