Exercizo do libro
Na páxina 48 do libro "Lingüística ECO" da nosa profesora aparece a seguinte proposta: Como abordarías o estudo da língua duma comunidade perdida numa ilha do Pacífico sem dispores de referências prévias, gramáticas escritas ou materiais como dicionários?
A miña resposta é rápida e non aporta nada: non podería.
A visión eurocentrista na que só se analizan linguas indoeuropeas próximas ao castelán, galego, inglés... fai pensar que todos os idiomas se estruturan case igual e que as únicas diferenzas son que hai veces que o verbo concorda co suxeito e outras só varía por tempo, que ás veces hai xénero e ás veces non, que o plural se fai engadindo un -s e que hai tres grupos de tempos verbais. Desde esta perspectiva calquera podería pensar que non sería moi difícil "descifrar" calquera lingua de por aí perdida. Sería algo tan sinxelo como ver que está a facer a persoa cando fala e buscar a equivalencia palabra por palabra e solucionado. Se o tipo está a comer unha mazá e di (invento) "er tutu hu crio" pois "er" significa "yo", "tutu" "como" "hu" "una" y "crio" "manzana". Pero por exemplo, se fose vasco diría "nik (yo) sagar (manzana) bat (un) janten dut (como)". Bueno, non pasa nada, pode ser que cambien a orde das palabras, entón hai que esperar a ver se fai outra cousa, por exemplo, comer un peixe e ver a palabra que varía e xa está. Resulta que cando come o peixe vai e di "ur tutu gu crio". Pero como pode ser?, cambiou dúas palabras e fixo todo igual agas unha cousa! Pois porque este idioma, da mesma forma que nós diferenciamos o feito de meter na boca para alimentarnos algo sólido de algo líquido (comer-beber), resulta que distingue alimentarse con algo das árbores con respecto a alimentarse con algo do mar ou alimentarse con algo vexetal por con algo animal. Aínda acabamos de empezar e mira o cisco que temos montado xa.
Tamén hai idiomas que non lle chaman igual á acción rutinaria de comer segundo a posición dunha estrela do ceo. Que cultura máis atrasada deberá ter esa xente para nomear diferente a unha acción segundo como se coloque unha estrela do ceo, hai que ser atrasado e incivilizado "de narices" para a estas alturas crer que a posición dunha estrela no ceo vai facer que sexa distinto o feito de comer e por tanto terlle un nome distinto. Moitas linguas no mundo non fan esta distinción, pero algunhas das que a fan son as europeas que distinguen almorzo. de xantar de merendar e de cear e o único criterio para facer esta distinción é a hora do día que é que está condicionada pola posición do sol no ceo que é unha estrela.
Así que, sabendo que mesmo as nosas linguas chaman de diferentes formas ás mesmas accións segundo contextos extralingüísticos, como vou descifrar, estudar ou o que queiramos un idioma sen ningún tipo de referencia previa? Sen saber se conxugan ou non os verbos (se é que existen como tal), que información ofrecen eses verbos (tempo, persoa, número... (se é que todas esas cousas existiren no idioma), sen saber cantas persoas, número usan, se fan uso de casos, de preposicións ou sistemas mixtos ou outros que non teñen nada que ver.
Parece por tanto imposible.
Comentarios
Publicar un comentario