Comparación de gramáticas

 Vai uns días a nosa profesora propuxo facer unha investigación rápida da gramática doutra lingua, co fin de facer comparacións de como funcionan e así facer unha idea de "cormovisión" diferente á nosa.

Eu escollín o estonio. A información veu toda da Wikipedia, non collín libros de gramática estonia nin me apuntei a ningún curso nin nada polo estilo. Trátase de facer unha comparación rápida. Por tanto chegoume con coller a información toda do mesmo sitio, con datos básicos, sen demasiada profundidade nin tecnicismos demasiado "técnicos" (premitídeme a redundancia).

https://es.wikipedia.org/wiki/Idioma_estonio

https://es.wikipedia.org/wiki/Gramática_del_finés

https://es.wikipedia.org/wiki/Caso_terminativo

https://es.wikipedia.org/wiki/Caso_comitativo

Como sabemos o estonio é un idioma urálico falado en Estonia e zonas fronterizas de Letonia e Rusia con pouco máis dun millón de falantes pero que non se considera minoritario porque ten toda a institucionalidade dun estado independente amparándoa. 

Recordemos que as linguas urálicas son a grandes rasgos tres (sen querer despreciar outras minoritarias como as sami e outras que se conservan en zonas de Rusia), o estonio, finlandés e o húngaro. E estas, xunto co vasco son as únicas non indoeuropeas que se conservan en Europa (tamén a grandes rasgos, porque seguro que se pode conservar algunha minoritaria non recoñecida con outra filiación). 

Antes de entrar no que nos atinxe nesta entrada debo dar un pequeno aviso. Habituados a estudar linguas románicas que teñen gramáticas case idénticas poderíamos creer que todo o que expoño aquí vai poder ser aplicado ás outras dúas, pero non é así. As diferenzas entre estas tres son moi marcadas. Isto era algo que quería dicir para evitar que se caia na trampa de considerar que todo o que apareza a continuación vai ser xeral en todas a linguas urálicas. 

Para facer este exercizo obviarei a fonética e o léxico. Sabemos que todo é importante e todo dá identidades e puntos de vista particulares aos idiomas, (sobre todo o léxico), pero non quero que este texto sexa demasiado pedante e por tanto non cumpra o seu obxectivo. Centrareime sobre todo no uso de "casos gramaticais" que é moi rico nesta lingua e logo un par de apuntamentos de concordancias e tempos verbais.


Casos gramaticais:

O estonio quizais sexa o idioma con máis casos gramaticais que vin ata agora (seica o finlandés aínda tería máis). Expóñoos un por un:

Nominativo: Para nomear un "suxeito" (o que iso sería desde o noso punto de vista)

Xenitivo: Para nomear un posuidor

Partitivo: Para cantidades

Ilativo: Movemiento cara a dentro de algo

Inesivo: Estancia dentro de algo

Elativo: Estancia fóra de algo

Adlativo: Movemento por riba de algo

Adesivo: Estancia cerca de algo

Ablativo: Alonxamento con respecto a algo

Translativo: Cambio de condición, converterse 

Terminativo: Marca o final du movemento

Esivo: Marca unha condición

Abesivo: Ausencia

Comitativo: En compañía de algo


Simplemente vendo a lista podemos intuír máis ou menos o sentido ou composición dalgún deles, pero outros, polo menos no meu caso, parece que ata carecerían de sentido. Iso xa marca unha diferenza de cosmovisión. 

Aínda sen entrarmos en profundidade nin tampouco en exemplos xa podemos barruntar diferentes perpectivas. Por exemplo, que eles deben especificar que cando van a un sitio van cara dentro ou non, cousa que nós tamén podemos facer, pero eles están obrigados a dicilo mentres que nós podemos obvialo ou remarcalo co uso de preposicións (dentro) ou con verbos concretos (entrar, meterse). Hai veces que as cosmovisións diferentes non queren dicir que se vexa certa acción de forma diferente, simplemente que un está obrigado a dicilo. Na nosa concepción podemos dicir perfectamente que imos cara o interior de algo, pero non estamos obrigados.

Para profundizarmos un pouco máis vexamos algún caso de forma concreta con exemplos:

O comitativo fórmase engadindo '-ga' ao xenitivo cando é singular:

  • nina (nominativo: «nariz») -> nina (xenitivo) -> ninaga (comitativo: «cun nariz»)
  • koer (nominativo: «can») -> koera (xenitivo) -> koeraga (comitativo: «cun can»)

Mentres nós isto o podemos facer coa preposición "con" como tamén a instrumentalidade (voy a romper la pared con un martillo) eles están obrigados a marcar unha diferenza. Desde a súa perspectiva, se lles explican por exemplo que en lingua romance o caso comitativo se forma coa preposición "con" e non lles explicasen que tamén serve para ese outro uso, ao ler esa frase entenderían que estás rompendo a parede a cabezazos ou puñadas mentres o martelo che fai compañía.


O caso terminativo sería aquel no que se marca que algo coincide co final doutra cousa.

  • jõeni: «ata o río»

De novo vemos que algo que nós podemos facer cunha preposición que nos serve para outros sentidos eles deben especificalo. 


Adxectivos:


O adxectivo en estonio concorda en caso e número co nome ao que acompaña. Voume centrar só nesta característica e agora vou meter un pouco de vasco para chegar a onde quero chegar.

O da concordancia non é nada novo para nós que temos que concordar todo.

"el perro negro - la perra negra - los perros negros - las perras negras"

Desde a nosa cosmovisión non nos parece entón estrano que se un idioma usa casos gramaticais deba entrar en xogo tamén esta característica: 

nominativo: väike kollane maja (‘unha casa amarela’)

ilativo: väikesesse kollasesse majja (‘cara a dentro dunha casa amarela’)

Pero hai idiomas nos que a concordancia non é necesaria ou esa información recae no último elemento. Por exemplo, no vasco (deixando de lado que non fai distinción de xenero) a información de número e caso recae sempre no último elemento da cadea.

etxe- casa

etxea- a casa

etxeak - as casas

etxe handia - a casa grande

zure etxea - a casa túa

zure etxeak - as casas túas

etxean - na casa

etxeetan - nas casas

etxe bat - unha casa

etxe batzuk - unhas casas

etxe batean - nunha casa

etxe batzuetan - nunhas casas

etxe handian - na casa grande

etxe handietan - nas casas grandes

zure etxe handian - na casa grande túa

zure etxe handietan - nas casas grandes túas

etxe handi polita - a casa grande bonita

etxe handi politean - na casa grande bonita


Como vemos eles apáñanse con que a información de caso e número estea no último elemento. Porque eles poden expresar así o mesmo ca nós no que nós e os estonios necesitamos especificar xénero e número (e caso no estonio) de cada participante? Pois eu non o sei, se alguén o sabe, que mo diga.


Verbo:

Por último imos analizar o verbo. Non vou entrar a analizar os sistemas de concordancia a obrigatoriedade de especificación do suxeito nin nada diso. Limítome a dicir que eles non usan o tempo futuro, para o que non sucedeu usan unha especie de presente atemporal. De novo, vemos que a concepción de tempo está moi presente nas estruturas das linguas. Pode ser que eles na súa percepción non consideren que teña cabida a enunciación dalgo que non sucedeu ou non saben se sucederá. Ou simplemente que non teñen unha percepción do tempo en tres divisións coma nós. En calquera caso debería profundizar máis no sistema para dar unha conclusión contundente, pero está claro que a percepción non é coma nosa.


Nota importante: A información que aquí expoño foi collida dunha única fonte e co obxectivo de facer unha comparación rápida sen entrar en demasiados detalles. Esa información non está contrastada, (pode por tanto ter erros na interpretación de matices) simplemente é un apoio para demostrar que existen diferentes perspectivas dentro dese idioma, pero esas perspectivas poderían ser inexactas ou demasiado simplificadas. Por tanto, os que lean esta exposición que non a usen con fins de aprendizaxe da lingua estonia porque ese non é o obxectivo desta publicación.



Comentarios

Entradas populares de este blog

Presentación e saúdo

Su marido nunca le ayuda / Su marido nunca la ayuda

Compartir cos meus compañeiros